domingo, 29 de marzo de 2009

A actualidade fala grego

A sección galega da SEEC, organizou por primeira vez unha actividade tremendamente útil e enriquecedora na que tivemos a sorte de participar, unha viaxe cultural á Grecia clásica con outros cinco centros de Galiza: Zalaeta (A Coruña), Saturnino Montojo de Ferrol, Pedregal de Irimia de Meira, Agra de Leborís de A Laracha, CPI Xosé Pichel de Coristanco.

As miñas alumnas comentaron que fora a súa viaxe máis enriquecedora realizada ata agora. Todo estivo perfecto, a excepción de Iberia. Para regresar, saímos de Atenas, rumbo a Madrid, con retraso e ao chegar tivemos que andar listos para enlazar o vó da Coruña. A nosa compañía aérea non estivo tan lista para cambiar as nosas maletas e ao chegar a Alvedro, non había nin unha sóa. Trinta e oito maletas desaparecidas!!!... que recuperamos ao día seguinte.

Nós destacariamos desta experiencia pioneira en Galiza o comportamento do alumnado que recibiu os parabéns da representante da axencia coa que viaxamos; a sorte de ter un guía por todo o Peloponeso, Elefteris, un filósofo grego actual, enciclopédico, culto e humano que nos amosou unha perspectiva moi enriquecedora da Grecia clásica e tamén a perfecta organización do representante da SEEC, Ricardo Martín.

Así trancorreu a nosa semana:

  • Sábado 14: saída de Alvedro ás sete da mañá para chegar a Atenas ás 16,30 hora local. Unha vez instalados no hotel Stanley, percorremos os lugares máis emblemáticos da Atenas actual, especialmente Plaka e Ágora romana


  • Domingo 15: Pola mañá visita ao Museo Arqueolóxico Nacional; pola tarde fíxose unha visita turística ao monte Licabitos.







  • Luns 16: pola mañá vimos a Acrópole e a Ágora grega, Areópago onde limos o texto de San Xoan; pola tarde Cabo Sunion para ver o Templo de Poseidón e visita a Perdix.



  • Martes 17: Saída para o Peloponeso; despois de ver a Canle de Corinto, visitouse Nemea, estadio, museo e recinto. Primeira carreira olímpica dos membros do grupo.
A continuación dirixímonos a Micenas onde visitamos a tumba de Atreo, visita da cidadela, acompañada pola lectura de textos clásicos de Esquilo e Sófocles que voluntariamente os alumnos leron e finalmente museo de Micenas. Pola tarde a chuvia impediu unha vista turística por Nauplia. Durmimos en Tolos (antigua Asini).



  • Mércores 18: iniciamos a ruta visitando Epidauro, onde nos choveu. Entendimos o porque dun teatro monumental nun santuario e lugar de sanación. No museo vimos o capitel corintio máis antigo conservado; a continuación a fortaleza veneciana de Nauplio e pola tarde antes de partir para Olimpia, onde pasamos a noite, ruinas de Tirinto e Megalópolis ( patria de Polibio).



  • Xoves 19: Visitamos o museo, santuario e estadio (segunda carreira olímpica) en Olimpia; comida e celebración do cumple de María. Pola tarde Naupacto ( antiga Lepanto, onde Cervantes perdera o brazo) e seguimos camiño cara a Delfos, cruzando pola ponte nova construída por Calatrava, con motivo dos Xogos Olímpicos.
  • Venres 20: En Delfos visitamos o museo, santuario, teatro. Ao estadio non entramos porque estaba pechado por derrubamento de pedras. Fonte Castalia e Tholós. Saída para Atenas a onde chegamos a media tarde. Moito frío, sobre as 22 horas había tan só catro graos.





  • Sábado 21: Visitamos o museo etnográfico Benaki aínda que a maioría das alumnas preferiron dedicar a súa única mañá libre para compras en Plaka. Asistimos ao cambio de garda no Parlamento en Plaza Sintagma e incluso tivemos tempo de solidarizarnos co pobo palestino.

















Máis información, sobre todo gráfica, aquí abaixo.
Chicas! preparádevos para esa xuntanza que tiñamos pensado, ou non?





Viaxe a grecia [Autoguardado]

martes, 24 de marzo de 2009

Limonada


Acabo de recibir un refrescante agasallo nestes inesperados días de calor.
Aspasia convídame a participar dunha curiosa iniciativa que creo vai moi acorde co espíritu da web 2.0 que tamén nos transmitiron os nosos centauros. Non quero rexeitar este estupendo regalo que paso a compartir pois parece que as normas son:

  1. Pór o logo no post ou no blog.
  2. Nomear polo menos a outros 5 blogs que mostren gran Actitude e/ou Gratitude
  3. Asegurarse de enlazar ben aos nomeados no post.
  4. Facerlles saber que recibiron este premio mediante un comentario no seu blog.
  5. Esparcir o amor e non esquecerse de enlazar a quen che premiou.
Os meus blogs recomendados son:
  • O blog dunha biblioteca escolar que con moito entusiasmo está tratando de convertir un vello almacén de libros nunha dinámica biblioteca: Felices lecturas.
  • A páxina de Amigus creada por un grupo de xoves para ternos informados aos ponteses de todo o que acontece na nosa pequena vila.
  • Esta dirección vai cargada de ferramentas educaticas útiles para todos os docentes.
  • José Antonio Millán, ten analizado como ninguén as consecuencias que o dixital exerce sobre a palabra escrita e o formato literario.
  • Quero poñer de manifesto tamén o meu agradecemento aos blogs de Chiron e todas as súas iniciativas que non fan máis que abrir camiño a todos os de clásicas que imos detrás.

miércoles, 11 de marzo de 2009

Lugo


Hoxe, como vos anticipei en outro post anterior, visitamos Lugo.
Tivemos a sorte de poder entrar no enigmático lugar de Santa Baía de Bóveda e despois de percorrer parte das murallas.
Este ano, non así os anteriores, foinos imposible entrar ao Museo Provincial, museo arqueolóxico de Lugo, porque eramos demasiados os que pretendíamos esta mesma actividade. Non importa. O curso que ven tentaremos de lle por solución a este atranco.
É verdade que disfrutamos como ananos no teatro tanto pola mañá ás 12 con As Nubes de Aristófanes e as 5 da tarde co Miles Gloriosus de Plauto. Dámoslle as grazas ao grupo Prósopon do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, que salvo pola idade dalgúns actores, non poderiamos dicir que sexan escolares metidos a actores, senón que parecían profesionais.

domingo, 8 de marzo de 2009

Día Internacional da muller, 8 de marzo

Todos nós – homes e mulleres, soldados e axentes de mantemento da paz, ciudadanos e líderes – temos a responsabilidade de contribuír a eliminar a violencia contra a muller. Os Estados deben cumplir coas súas obligacións de previr a violencia, enxuiciar aos perpetradores e proporcionar reparacións ás víctimas. E cada quen de nós debe falar claramente na familia, no lugar de traballo e na comunidade, de modo que cesen os actos de violencia contra a muller.
Ban Ki-moon, Secretario Xeneral das Nacións Unidas


As cousas non cambiaron moito dende a Antigüidade. En Roma a muller era unha menor sempre supeditada á autoridade dun varón, primeiro o pai, logo o marido e finalmente ata un fillo. Casaba moi nova e case sempre o matrimonio fora concertado polo pai. É verdade que a muller casada (matrona) dirixe a casa e non vive recluída no xineceo ( como a grega), sae de casa pero acompañada e participa, sentada, nas comidas de homes, non pode beber viño puro senón rebaixado con mel ( mulsum). Asistía tamén aos espectáculos e, en ocasións, houbo mulleres loitadoras profesionais, puxilistas, corredoras etc.
Pero tiña vedado o campo xurídico e tamén ser banqueira, recordemos que era considerada sempre unha menor. Na vida relixiosa só tiña acceso ao cargo de vestal, sacerdotisa de Vesta e durante trinta anos mínimo debía permanecer virxe senón era enterrada viva. Por último, no terreo político a muller no tivo ningunha clase de dereitos.
Os autores clásicos sempre recurren a un mismo argumento: infirmitas feminarum, é dicir, a debilidade das mulleres. Sonache?

Le a historia dalgunhas mulleres que relatamos aquí:

Boudica( Boadicea): Esta muller que morreu no ano 60 d. C., foi raiña dunha tribu na Roma británica, os icenios. Púxose ao frente dunha rebelión contra o poder de Roma. Os rebeldes arrasaron a zona este de Inglaterra, e, segundo Tácito, mataron a 70.000 homes, entre romanos e adeptos. O gobernador romano Suetonio Paulino esmagou finalmente a revolta e pénsase que ela suicidouse.

Cleopatra ( 69-30 a.C.): Convertiuse en raiña de Exipto no ano 51 a. C. Descendía de gregos, aínda que falaba coma os exipcios e considerábase filla de Ra, deus exipcio do Sol. Dín que non tiña moita beleza pero si moito encanto que sabía utilizar para seducir aos homes, entre eles Xulio César e Marco Antonio. Servíase desas armas para conquerir máis poder do que xa tiña. Cando Octavio Augusto derrotou a Marco Antonio na batalla de Accio, os dous suicidáronse.



Zenobia: Raiña da colonia de Palmira (Siria), nunca se contentou con gobernar baixo a autoridade romana. No ano 269 lanzouse á conquista de Exipto e o ano seguinte á da maior parte de Asia Menor, buscando independencia de Roma. No ano 272, Aureliano derrotouna e levouna a Roma coma un trofeo. Ela acabou por casar cun senador e retirarse.




Estas eran algunhas pero aínda nos quedan outras que van na presentación.

Seguro
que ti podes engadir máis.


domingo, 1 de marzo de 2009

Festival de Teatro Grecolatino 2009

Como podedes ver no calendario, hoxe son as Matronalia. Eran as festas en honra de Xuno Lucina. As mulleres casadas acudían ao templo da deusa para suplicarlle pola prosperidade dos seus matrimonios ou, as que estaban preñadas, por un feliz parto. Asemade, as matronas recibían mostras de respecto e cariño por parte dos membros da súa familia, xa que se conmemoraba tamén neste día a intervención das Sabinas poñendo paz entre os esposos e os seus pais.
Neste día procedíase tamén á procesión dos ancilia, os escudos sagrados. Conta a lenda que Xúpiter enviara a Numa un escudo ao que estaba xunguido o destino de Roma. Para que non llo roubaran, Numa fixo que se construíran outros once iguais ao primeiro e creou o colexio sacerdotal dos Salios para que se encarcagan da súa custodia. Neste día, como dixemos ut supra, sácabanse en procesión pola cidade.



Dende hai uns anos, celébranse xornadas de teatro de corte clásico coa participación de numerosos alumnos de centros educativos, diante e detrás do pano que separa actores de espectadores.
Este ano coma outros asistiremos en Lucus Augusti o día 11 de marzo a dúas comedias, Miles gloriosus de Plauto e Nubes de Aristófanes.
É unha actividade fermosa que obriga a traballar duramente durante tempo, pero con un singular recoñecemento que é o aplauso. E por iso que nos gusta recordar aquí aquelas fermosas palabras dun cómico latino que lle recomendaremos aos nosos alumnos: Et vobis si fabulae placent, plaudite, quaesimus.





Lugo é ademais o lugar máis próximo á nosa vila onde quedan pegadas da presenza do pobo romano. Así aproveitaremos para dar unha volta polas murallas, impresionante obra defensiva erguida entre os anos 265 e 310 da nosa Era. Mide 2175 metros de lonxitude e o adarve ten unha anchura que varía entre os 4,15 e os 7 metros. A altura, tamén irregular, oscila entre os 8 e os 12 metros; percorrer a Cardo e a Decumanus e visitar a casa dos mosaicos. O balneario conserva restos do apodyterium e o caldarium dunhas termas


sobre as que se asenta, pero como hoxe en día está explotado por unha empresa privada, non atenden aos grupos que de moi boa gana visitaríamos as súas instalacións.


Por último chegaremos ata Santa Eulalia de Bóveda, que a dicir de Celestino Fernández de la Vega, non hai ninguén capaz de descifrar, a ciencia certa, o enigma arqueolóxico-histórico deste lugar. Só hai unanimidade no carácter estraño e ambiguo do monumento.
Está a 14 quilómetros de Lugo cidade, nunha aldea de arquitectura popular con abundantes vestixios arqueolóxicos. Está próxima á Via XIX de Lugo a Bracara, capital da Gallaecia septentrional. Trátase, sen dúbida, da testemuña material máis importante da relixión romana e do inicio do cristianismo en Galiza. Foi declarada monumento nacional en 1931 e hoxe é Ben de interese Cultural de Galiza.

sábado, 28 de febrero de 2009

Fedro, outro autor de referencia para 2º BAC


Fedro naceu aproximadamente no 15 a. de C. en Macedonia. Chegou a Roma como escravo de Augusto, que despois concedeulle a libertade. Morreu en torno ao 50 d. de C.

Escribeu cinco libros de Fábulas. Como o propio Fedro nos di nos prólogos e epílogos dos seus libros, os temas están tomados de Esopo, aínda que tamén compón fábulas orixinais, inspiradas na vida e nos costumes da época.
As características esenciais da fábula de Fedro son a diversión e a ensinanza moral. As fábulas de Fedro conteñen unha dura sátira contra os poderosos que abusan do seu poder, contra os soberbios, os mentirosos, os malvados.
O verso das fábulas de Fedro é o senario yámbico, verso popular e humilde. A súa linguaxe é clara e sinxela, pero elegante. As súas metáforas son simples, pero pintorescas e suxestivas.

O XÉNERO LITERARIO DA FÁBULA

A fábula definese como unha composición literaria, xeralmente en verso, na que por medio dunha ficción alegórica e de personificacións de seres irracionais, inanimados ou abstractos, dase unha ensinanza útil ou moral.
A orixe remota é probablemente oriental. A paternidade da fábula como xénero literario atribúese a Esopo, grego do século VI a. de C., personaxe semimítico do que a súa vida está chea de lendas de dudosa autenticidade: por el, a fábula de animais denomínase «fábula esópica».
En Roma, o término fábula ten, por un lado un sentido ampio, designando calquear relato con peripecias variadas; por outro lado, úsase con outros sentidos como historia, peza de teatro...


As fábulas deste autor tédelas aquí, iremos escollendo algunhas que vos iréi sinalando.



sábado, 7 de febrero de 2009

Enriquecemos o noso vocabulario

Para Isabel Maturana

Propóñovos, alumnas de 1º, esta información da que imos partir para seguir co tema do léxico precisando o significado de voces cultas derivadas da mitoloxía e da historia greco-romana.
Os distintos deuses, que coñecimos no tema da rel
ixión exposto por Alejandra, tiñan unha función ben definida. Recordade que o soberano de todos era Zeus-Xúpiter, só limitado no seu poder polo destino e as Parcas.
Estes deuses caracterizábanse polas mismas cualidades e vicios que temos os homes, pero eles eran inmortales.
As lendas inventadas por este antigo pobo forman un poético conxunto chamado
mitoloxía, e foron quen de fascinar a poetas, escritores e artistas de todas as épocas.
Estes mitos e algúns feitos históricos produciron un número interesante de voces que xa son clásicas na nosa linguaxe.
Aquí van algunhas delas:

-Sentirse, ser, verse coma un Adonis: quere significar que alguén ten un aspecto físico perfecto.
Adonis, fillo de Cíniras, rei de Chipre e de Mirra, foi recollido por Afrodita quen llo confiou á raiña dos infernos, Perséfone. Esta prendada do rapaz negouse a devolvelo. Afrodita, tamén enamorada del, queixouse ante Zeus, quen salomonicamente decideu confialo a Perséfone un tercio do ano, a Afrodita outro e darlle libertade para elexir onde vivir o último tercio. Pero un xabarín atacou a Adonis con resultado de morte. Artistas e poetas cantan nas súas obras este triste momento.
Da sangre derramada polo mozo brotou a anémona, primeira e efímera flor da primaveira.
É un mito moi simbólico, pois representa a vexetación que descende ao reino dos mortos para xunguirse a Perséfone durante o inverno, volve á terra na primaveira para unirse ao amor co fin de abrirse e fructificar no verán. Representa a morte e resurrección da natureza renovada sen cesar no transcurso dos anos.

-Alimentos ou medicamentos afrodisíacos: son certos estimulantes do apetito sexual.
Este termo orixínase de Afrodita-Venus, deusa do amor e da beleza. Da voz φρος, escuma, alude á crenza de que foi formada coa escuma do mar. Infiel esposa de Hefestos-Vulcano, tivo numerosos amantes divinos e humanos, como Adonis. É protectora do amor sensual, representada cabalgando a un castrón, representa a luxuria.

-Amazona: dise dunha muller que monta a cabalo ou ten un aspecto varonil. As Amazonas pertencían a unha raza fabulosa de gu
erreiras que segundo os mitógrafos da Antigüidade vivían no Cáucaso e na Asia Menor. Gobernadas por unha raiña, só aceptaban aos homes unha vez ao ano para perpetúar a raza. Se lles nacía un varón devolvíanllo ao pai ou matábano. Vivían da rapiña. Contan que se amputaban o seno dereito

(ἀμαστς, sen peito) para ser máis hábiles co arco e que sentían adoración pola Artemisa de Éfeso, deusa de senos múltiples, a quen instauraron un culto.

O río Amazonas debe o seu nome tamén a esta raza de mulleres pois dín que en América do Sur existira tamén esta lenda.

-Ateneo: é un lugar onde se reúnen estudiosos buscando atopar a verdade e a ilustración do espíritu.

Procede este vocablo da deusa Atenea, deusa da sabiduría, da arte e do comercio, tamén da guerra desde un aspecto científico, por iso se representa con armadura. Recordemos aquí que súa nai Metis, amante de Zeus, foi devorada por el para que o fillo que estaban a punto de ter non o destronase. Pero sentindo un forte dolor de cabeza, Atenea, grazas a un machadazo de Hefesto-Vulcano, xurdeu pola abertura da sien con casco e armada, lanzando un terrible grito de guerra. Así dotada dunha inmensa intelixencia serviulles de conselleira moitas veces aos deuses.
Protectora de Atenas, regaloulles aos seus habitantes unha ramiña de olivo, símbolo de paz e de riqueza. Aportou ás letras e ás artes a enerxía necesaria para a súa irradiación espiritual extendida y constante. Esta divinidade é, polo tanto, o símbolo divino da civilización grega que, grazas á súa forza guerreira, a súa intelixencia, conocementos, a moderación dos costumes e a beleza estudiada dos seus monumentos artísticos y literarios, soubo impoñer o seu dominio sobre o mundo. Máis tarde, os romanos identificárona con
Minerva.

Para saber máis sobre estas entradas, sigue o enlace:
Atlas, Bacanal, Catilinaria, Centauro, Complexo de Edipo, Complexo de Electra, Cupido,
Dionisíaco, Enfermedad venérea, Erótico, Filípica,Harpía, Hercúleo, Lesbiana, Maratoniano, Mecenas, Morfina, Narcisista, Ninfomana, Odisea, Pánico, Pigmalión, Pírrico, Quimera, Sibarita, Talón de Aquiles, Titánico, vulcanizado.




jueves, 5 de febrero de 2009

Imos de caza: As orixes míticas de Roma


Arma virumque canit mira virtute potentem

Iunonisque odio disiectas aequore puppes

hospitium Didus, classem sociosque receptos,

utque epulas inter casus regina requirat.

Vergilius, Aeneidos, I,1-4


Todo é lenda, todo literatura pero gústanos ler e coñecer ese pasado que aínda permanece vivo e senón observa esta parte dunha película americana do ano 1959


  • Preguntas
Despois da moi boa exposición do traballo de Ángela, creo que estamos en disposición de disfrutar co que aprendemos e darnos o gustazo de resolver as seguintes cuestións:

1. Que autor latino e en que obra narra os avatares de Eneas ata chegar ás costas do Lacio? Mapa da viaxe

2. Quen eran: o rei Latino, Lavinia, Ascanio, Alba Longa, Procas, Numitor e Amulio?

3. Por que Rhea Silvia foi obrigada a facerse Vestal? Quen eran as vestais? Que votos debían respetar?

4. Como foi daquela que naceron Rómulo e Remo?
5. Como decidiron Rómulo e Remo quen dos dous sería rei de Roma?

6. Por que se produxo o Rapto das sabinas?

7. Como morreu Rómulo? Que rei foi o seu sucesor?

8. Como subeu ao trono Servio Tulio con ese nome, segundo a lenda?

9. A que debía Tarquinio II o seu alcume de Superbus?

10. Que suceso motivou a caída da monarquía de Tarquinio e a expulsión dos etruscos de Roma? (5O9 a.C)


  • Recursos:
As dúbidas podedes solucionalas aquí:

-Historia de Roma

-Personajes de la historia

-Contos mitolóxicos

-Mapas

-Visita virtual


Visualiza tamén este video, pódevos ser útil.


  • A gran pregunta

Como podemos relacionar a destrución de Troia coa lendaria fundación de Roma?


  • Avaliación
Para a avaliación desta actividade repartiremos como sigue:
- 6 puntos para as dez preguntas
- 4 puntos para a gran pregunta.
Valorarase a xenerosidade nas respostas e a aportación de gráficos, imaxes e todo o que poda contribuír a demostrar a claridade meridiana coa que entendedes todo.
Podedes enviar as respostas por correo, entregalas na clase ou deixalas nesta entrada.
Tedes ata o venres 13 de prazo para rematar a actividade.

  • Crétos
    Agradecemos a todos aqueles que nos proporcionaron material para a elaboración desta "Caza do tesouro" como Cristóbal Macias, Carlos Cabanillas...
  • martes, 27 de enero de 2009

    Verba quae supersunt



    O tempo sigue sen mellorar. Tormenta perfecta. Sen luz. Sen auga. Sen electricidade...a tristura invádenos e nada como ler algo de poesía, con certos matices de ironía e sarcasmo, neste momento para conforto da que escribe. Pero din que compartir permite disfrutar dobremente do que a un lle gusta.
    Nun rincón dun andel atopei este libro que mercara na Culturgal este outono e que estaba a esperar por min e polo momento adecuado. Parece que este momento chegou e así é que descubrín uns versos de Raúl Gómez Pato, profe de latín e grego, que vos recomendo.
    O autor recórdanos unhas palabras de Manuel Antonio que din así: " se é verdade que o poeta pode finxir a súa dor ata o punto de confundir na súa retórica a dor sentida coa imaxinada, que non tentará para finxir que é verdadeiramente súa a obra que escribe, cando en realidade non resulta máis que un compendio, enciclopedia, pouco a pouco e intencionadamente transformada, do que foi zugando, como unha samesuga, no corpo dos signos! Non existen os poetas; como moito, e permítaseme a dúbida, existe a poesía".
    Reproduzo para vos algúns deses versos que di lle deben moito aos clásicos.

    Pseudocatón (fin. do s. IIId.C.)
    Multa legas facito
    Deberás ler moito
    do que inventa o poeta
    (e esquecelo todo).

    Persio (34 d.C.-62)
    Pluvia, ventus, nevisque
    Escapada a vida polas rúas
    fuxindo van as follas, revoando
    entre os húmidos recantos das núas
    roupas de outono, que xa están mollando
    a choiva, o vento, e as neves crúas.
    Marcha como lenemente pisando
    se achega o día próximo, coas súas ínfulas
    aos cansazos entregando...
    E comigo a noite, os seus corceis,
    a horrible pureza da súa nada,
    coas infinitas horas en bordeis
    comerciando a súa luz apagada .
    Mais semella doce, nestes papeis,
    naufragar pola mar da miña rada.


    O que vedes na dereita desta entrada e unha especie de agasallo de Positivas, lista de autores que inspiran os poemas de Gómez Pato e útil como marcapáxinas.

    miércoles, 14 de enero de 2009

    SCRIPTORIUM VERBUMIENSE: A PALABRA CONVERTIDA EN ARTE

    Na primeira metade do século I a. de C. funcionaba xa un comercio de libros en Roma. O autor podía ceder a edición ao editor a cambio dunha cantidade ao contado, ou ben cobrar un tanto por cen sobre os libros que se venderan.
    Os libreiros (bibliopolae) tiñan montadas as súas tendas (taberna libraria)por toda Roma e os libros non debían ser un artículo de luxo. Dicía Xuvenal:

    "lectus erat Cordo Procula minor, urceoli sex
    ornamentum abaci, nec non et paruulus infra
    cantharus et recubans sub eodem marmore Chiron,
    iamque uetus Graecos seruabat cista libellos
    et diuina opici rodebant carmina mures.
    nil habuit Cordus, quis enim negat?..."


    (Satura,III,203-208)
    Codro era pobre pero tiña libros.
    Tampouco se privaba da lectura o que carecía de medios, pois en Roma establecérase dende Augusto ate Traxano unhas trinta bibliotecas públicas.
    Servíanse de tres materiales para escribir, cerae, papyrus e pergamena charta.
    As tabliñas de cera (cerae) consistían nunhas tabliñas de madeira (tabella que chega a significar escritura en xeral) untadas con cera de cor sobre as que se debuxaban os caracteres cun punzón(stilus). Este tiña nun extremo unha especie de espátula que servía para volver a alisar a cera se é que se quería correxir o escrito (vertere stilum).
    Varias tablillas xunguidas por un cordón( linum) formaban un codex ou codicillus.
    Na pintura de Próculo e a súa esposa, ela porta na man dereita o stilus e na esquerda unha tabella.
    Papyrus. Coa médula dun talo de papiro trenzada e prensada formábanse follas (plagulae); estas dividíanse, como nunha páxina dun periódico, en columnas (paginae) e despois pegábanse varias( charta). A última folla pegábase a unha vara de madeira e sobre ela enrolábase o escrito
    ( volumenA vara de madeira tiña nos extremos unha especie de rodas (cornua) que permitían enrolar e desenrolar as follas. O volumen introducíase nun embase cilíndrico de coiro ( membrana) do que pendía un pedazo de pel onde se escribía con minio o título da obra (index, titulus). A este conxunto chásalle liber. A única cara pola que se escribía denominábase frons e a tinta, que se introducía na cana ( calamus) procedía dunha mezcla de goma e feluxe ( atramentum).
    Pergamena charta. O seu nome procede do lugar do orixe deste soporte, é dicir, de Pérgamo, aínda que os antigos a denominaron membrana, isto é pel, a que procedía do gando ovino (pel de año, incluso nonnato=charta virginea)e despois bovino. O procedemento que seguían era o que podemos ver máis abaixo neste video.

    O pergamino tiña certas vantaxes sobre o papiro, pois era máis resistente á humidade e á couza. Ademais podíase escribir por ámbalas dúas par
    tes. Se querían correxir o escrito, cando a tinta estaba fresca, chegaba con limpar cunha esponxa e auga, se estaba seca tiñan que recorrer a rascar, de feito moitas veces, dado o seu elevado precio, rascábase varias veces para poder ser usado en varias ocasións (palimpsestus). As novas tecnoloxías permítennos ler máis dun escrito nun pergamino.
    Varios pergaminos, cosidos polo lado máis longo da figura rectangular que cortaban, chamábase codex como no caso das tabliñas xunguidas.


    A literatura latina estivo a punto de perderse dende comezos do século V ( saqueo de Roma por Alarico) ate o século IX en que Europa veuse sacudida por continuas axitacións.
    San Bieito funda en 529 a abadía de Monte Cassino e para evitar a ociosidade dos monxes, imponlles a tarefa de copiar manuscritos.
    Os monasterios convertíronse en oasis do saber. No medio dos trastornos da Alta Idade Media, a Igresia evita a desaparición da cultura grazas aos obradoiros de copistas, grazas aos scriptoria dos mosteiros. Aí os monxes tiñan unha tarefa que era a de copiar obras, ás veces facéndolles engadidos. O traballo é lento e pesado.
    Estes monxes chamados copistas fan un importante traballo de conservación pero en ocasións negativa, pois, ao ser caro o soporte e escasear, rascan os códices clásicos para escribir sobre eles as sagradas escrituras, aínda que ás veces é ao revés.
    Os manuscritos máis antigos dos que temos noticia son os carolinxios. Carlomagno, coroado emperador, quere reconstruír o antiguo Imperio Romano e no campo das letras intenta recuperar todo o que pode da literatura clásica. Chama a Alcuino e a Eghinardo que descubren a Vitrubio, a Suetonio... Ata o século XIII en que decae o interese polos manuscritos clásicos en beneficio da Escolástica, era a principal ocupación dos monxes que consiguen verdadeiras obras de arte.

    Demoslle ao tema unha pincelada de humor





    En ocasións as páxinas van ilustradas con iluminacións, fermosas letras pintadas con minerais, entre eles o minio,que da esa cor vermella de onde resulta o seu nome de miniaturas. A partires dos carolinxios, a escritura faise moi parecida á nosa, é a letra carolinxia.

    Os manuscritos son moi valiosos. A cuberta que os protexe, normalmente, é unha verdadeira obra de arte. Faise con placas de ouro e prata, gravadas ou non, pedras preciosas, marfil e esmalte.

    Aproveito para contar todo isto ao fío dunha noticia que me interesaba darvos a coñecer
    Do 18 de novembro de 2008 a xuño de 2009 podemos ver en Vigo no museo Verbum a Casa das Palabras unha exposición sobre os libros antes do nacemento da imprenta. A entrada é gratuita.
    Related Posts with Thumbnails