sábado, 6 de diciembre de 2008

Aquis Querquennis



Atraídos en gran medida polos recursos auríferos do Noroeste, a conquista romana desta parte da península marcou un antes e un despois no seu devir histórico, deixando unha fonda influenza que chegou ata a actualidade.
A lingua, o dereito e mesmo a configuración do territorio, entre outras cousas, quedaron impregnadas da pegada romana.
A Torre de Hércules é na actualidade unha referencia mundial por tratarse do único faro de orixe romana que permanece en activo. A Muralla de Lugo, unha liña defensiva construída cando os romanos comezaron a sentir a ameaza bárbara, é hoxe un emblema da cidade.
Aínda que todos os anos visitamos Lugo por ser o lugar, máis próximo á nosa localidade, onde hai pegadas da Romanización, Ourense é rica nestes restos, e debemos valorar a posibilidade de visitar esta provincia pola súa peculiaridade. As pegadas revélannos como os romanos chegaron ao Noroeste peninsular, de que maneira reorganizaron o territorio e trazaron toda unha rede de comunicacións, o xeito como explotaron, cunha tecnoloxía nunca vista ata o momento, os recursos minerais, os seus asentamentos militares, o legado cultural e artístico, entre outros aspectos.
A provincia de Ourense está salpicada, como dicimos, de restos arqueolóxicos de moi diversas épocas e modelada polas intervencións humanas ao longo dos séculos. Os castros son moi abondosos, case non hai población que non teña pegadas romanas, coma ocurre con Bande co seu asentamento de tipo militar chamado Aquis Querquennis, na rexión da Baixa Limia, no suroeste da provincia. Contan Plinio et alii que esta parte estaba habitada na antigüidade polo pobo prerromano dos Querquernni o que explicaría unha parte do seu nome. A outra parte deste termo latino dado ao asentamento militar é Aquis que fai referencia ao manantial de augas minero medicinais que brotan alí a unha temperatura que ronda os 48º C.
Os arqueólogos, despois de algo máis de trinta anos de investigacións interrumpidas, cóntannos que este achado está dividido en dúas partes, unha mansión viaria articulada entorno ao manantial das augas termais e un campamento militar nunha posición máis occidental, separados ambos por unha franxa duns douscentos metros. É o campamento militar o que está máis excavado, quedando os principia, cuartel xeral( órgano esencial da administración do campamento, espazos sagrados destinados ao culto e xustiza) totalmente ao descuberto. Tamén lográronse exhumar catro edificios, dous destinados a albergar as tropas, os horrea (celeiros) e o valetudinarium (hospital).
Todos estes restos arqueolóxicos merecen ser visitados e ofrécennos a posibilidade de continuar cara a Portugal por unha agrupación de miliarios que só se pode ver nesta aillada zona do Imperio. É unha importante porción da nosa riqueza patrimonial.


Agradezo ao periódico O SIL o monográfico adicado a Romanización en Ourense (Especial Nadal 2007) de onde tomamos información para elaborar este post.



Recoméndovos tamén este enlace onde J.M.Otero fai unha estupenda presentación sobre este lugar.

No hay comentarios:

Related Posts with Thumbnails