domingo, 29 de marzo de 2009

A actualidade fala grego

A sección galega da SEEC, organizou por primeira vez unha actividade tremendamente útil e enriquecedora na que tivemos a sorte de participar, unha viaxe cultural á Grecia clásica con outros cinco centros de Galiza: Zalaeta (A Coruña), Saturnino Montojo de Ferrol, Pedregal de Irimia de Meira, Agra de Leborís de A Laracha, CPI Xosé Pichel de Coristanco.

As miñas alumnas comentaron que fora a súa viaxe máis enriquecedora realizada ata agora. Todo estivo perfecto, a excepción de Iberia. Para regresar, saímos de Atenas, rumbo a Madrid, con retraso e ao chegar tivemos que andar listos para enlazar o vó da Coruña. A nosa compañía aérea non estivo tan lista para cambiar as nosas maletas e ao chegar a Alvedro, non había nin unha sóa. Trinta e oito maletas desaparecidas!!!... que recuperamos ao día seguinte.

Nós destacariamos desta experiencia pioneira en Galiza o comportamento do alumnado que recibiu os parabéns da representante da axencia coa que viaxamos; a sorte de ter un guía por todo o Peloponeso, Elefteris, un filósofo grego actual, enciclopédico, culto e humano que nos amosou unha perspectiva moi enriquecedora da Grecia clásica e tamén a perfecta organización do representante da SEEC, Ricardo Martín.

Así trancorreu a nosa semana:

  • Sábado 14: saída de Alvedro ás sete da mañá para chegar a Atenas ás 16,30 hora local. Unha vez instalados no hotel Stanley, percorremos os lugares máis emblemáticos da Atenas actual, especialmente Plaka e Ágora romana


  • Domingo 15: Pola mañá visita ao Museo Arqueolóxico Nacional; pola tarde fíxose unha visita turística ao monte Licabitos.







  • Luns 16: pola mañá vimos a Acrópole e a Ágora grega, Areópago onde limos o texto de San Xoan; pola tarde Cabo Sunion para ver o Templo de Poseidón e visita a Perdix.



  • Martes 17: Saída para o Peloponeso; despois de ver a Canle de Corinto, visitouse Nemea, estadio, museo e recinto. Primeira carreira olímpica dos membros do grupo.
A continuación dirixímonos a Micenas onde visitamos a tumba de Atreo, visita da cidadela, acompañada pola lectura de textos clásicos de Esquilo e Sófocles que voluntariamente os alumnos leron e finalmente museo de Micenas. Pola tarde a chuvia impediu unha vista turística por Nauplia. Durmimos en Tolos (antigua Asini).



  • Mércores 18: iniciamos a ruta visitando Epidauro, onde nos choveu. Entendimos o porque dun teatro monumental nun santuario e lugar de sanación. No museo vimos o capitel corintio máis antigo conservado; a continuación a fortaleza veneciana de Nauplio e pola tarde antes de partir para Olimpia, onde pasamos a noite, ruinas de Tirinto e Megalópolis ( patria de Polibio).



  • Xoves 19: Visitamos o museo, santuario e estadio (segunda carreira olímpica) en Olimpia; comida e celebración do cumple de María. Pola tarde Naupacto ( antiga Lepanto, onde Cervantes perdera o brazo) e seguimos camiño cara a Delfos, cruzando pola ponte nova construída por Calatrava, con motivo dos Xogos Olímpicos.
  • Venres 20: En Delfos visitamos o museo, santuario, teatro. Ao estadio non entramos porque estaba pechado por derrubamento de pedras. Fonte Castalia e Tholós. Saída para Atenas a onde chegamos a media tarde. Moito frío, sobre as 22 horas había tan só catro graos.





  • Sábado 21: Visitamos o museo etnográfico Benaki aínda que a maioría das alumnas preferiron dedicar a súa única mañá libre para compras en Plaka. Asistimos ao cambio de garda no Parlamento en Plaza Sintagma e incluso tivemos tempo de solidarizarnos co pobo palestino.

















Máis información, sobre todo gráfica, aquí abaixo.
Chicas! preparádevos para esa xuntanza que tiñamos pensado, ou non?





Viaxe a grecia [Autoguardado]

martes, 24 de marzo de 2009

Limonada


Acabo de recibir un refrescante agasallo nestes inesperados días de calor.
Aspasia convídame a participar dunha curiosa iniciativa que creo vai moi acorde co espíritu da web 2.0 que tamén nos transmitiron os nosos centauros. Non quero rexeitar este estupendo regalo que paso a compartir pois parece que as normas son:

  1. Pór o logo no post ou no blog.
  2. Nomear polo menos a outros 5 blogs que mostren gran Actitude e/ou Gratitude
  3. Asegurarse de enlazar ben aos nomeados no post.
  4. Facerlles saber que recibiron este premio mediante un comentario no seu blog.
  5. Esparcir o amor e non esquecerse de enlazar a quen che premiou.
Os meus blogs recomendados son:
  • O blog dunha biblioteca escolar que con moito entusiasmo está tratando de convertir un vello almacén de libros nunha dinámica biblioteca: Felices lecturas.
  • A páxina de Amigus creada por un grupo de xoves para ternos informados aos ponteses de todo o que acontece na nosa pequena vila.
  • Esta dirección vai cargada de ferramentas educaticas útiles para todos os docentes.
  • José Antonio Millán, ten analizado como ninguén as consecuencias que o dixital exerce sobre a palabra escrita e o formato literario.
  • Quero poñer de manifesto tamén o meu agradecemento aos blogs de Chiron e todas as súas iniciativas que non fan máis que abrir camiño a todos os de clásicas que imos detrás.

miércoles, 11 de marzo de 2009

Lugo


Hoxe, como vos anticipei en outro post anterior, visitamos Lugo.
Tivemos a sorte de poder entrar no enigmático lugar de Santa Baía de Bóveda e despois de percorrer parte das murallas.
Este ano, non así os anteriores, foinos imposible entrar ao Museo Provincial, museo arqueolóxico de Lugo, porque eramos demasiados os que pretendíamos esta mesma actividade. Non importa. O curso que ven tentaremos de lle por solución a este atranco.
É verdade que disfrutamos como ananos no teatro tanto pola mañá ás 12 con As Nubes de Aristófanes e as 5 da tarde co Miles Gloriosus de Plauto. Dámoslle as grazas ao grupo Prósopon do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, que salvo pola idade dalgúns actores, non poderiamos dicir que sexan escolares metidos a actores, senón que parecían profesionais.

domingo, 8 de marzo de 2009

Día Internacional da muller, 8 de marzo

Todos nós – homes e mulleres, soldados e axentes de mantemento da paz, ciudadanos e líderes – temos a responsabilidade de contribuír a eliminar a violencia contra a muller. Os Estados deben cumplir coas súas obligacións de previr a violencia, enxuiciar aos perpetradores e proporcionar reparacións ás víctimas. E cada quen de nós debe falar claramente na familia, no lugar de traballo e na comunidade, de modo que cesen os actos de violencia contra a muller.
Ban Ki-moon, Secretario Xeneral das Nacións Unidas


As cousas non cambiaron moito dende a Antigüidade. En Roma a muller era unha menor sempre supeditada á autoridade dun varón, primeiro o pai, logo o marido e finalmente ata un fillo. Casaba moi nova e case sempre o matrimonio fora concertado polo pai. É verdade que a muller casada (matrona) dirixe a casa e non vive recluída no xineceo ( como a grega), sae de casa pero acompañada e participa, sentada, nas comidas de homes, non pode beber viño puro senón rebaixado con mel ( mulsum). Asistía tamén aos espectáculos e, en ocasións, houbo mulleres loitadoras profesionais, puxilistas, corredoras etc.
Pero tiña vedado o campo xurídico e tamén ser banqueira, recordemos que era considerada sempre unha menor. Na vida relixiosa só tiña acceso ao cargo de vestal, sacerdotisa de Vesta e durante trinta anos mínimo debía permanecer virxe senón era enterrada viva. Por último, no terreo político a muller no tivo ningunha clase de dereitos.
Os autores clásicos sempre recurren a un mismo argumento: infirmitas feminarum, é dicir, a debilidade das mulleres. Sonache?

Le a historia dalgunhas mulleres que relatamos aquí:

Boudica( Boadicea): Esta muller que morreu no ano 60 d. C., foi raiña dunha tribu na Roma británica, os icenios. Púxose ao frente dunha rebelión contra o poder de Roma. Os rebeldes arrasaron a zona este de Inglaterra, e, segundo Tácito, mataron a 70.000 homes, entre romanos e adeptos. O gobernador romano Suetonio Paulino esmagou finalmente a revolta e pénsase que ela suicidouse.

Cleopatra ( 69-30 a.C.): Convertiuse en raiña de Exipto no ano 51 a. C. Descendía de gregos, aínda que falaba coma os exipcios e considerábase filla de Ra, deus exipcio do Sol. Dín que non tiña moita beleza pero si moito encanto que sabía utilizar para seducir aos homes, entre eles Xulio César e Marco Antonio. Servíase desas armas para conquerir máis poder do que xa tiña. Cando Octavio Augusto derrotou a Marco Antonio na batalla de Accio, os dous suicidáronse.



Zenobia: Raiña da colonia de Palmira (Siria), nunca se contentou con gobernar baixo a autoridade romana. No ano 269 lanzouse á conquista de Exipto e o ano seguinte á da maior parte de Asia Menor, buscando independencia de Roma. No ano 272, Aureliano derrotouna e levouna a Roma coma un trofeo. Ela acabou por casar cun senador e retirarse.




Estas eran algunhas pero aínda nos quedan outras que van na presentación.

Seguro
que ti podes engadir máis.


domingo, 1 de marzo de 2009

Festival de Teatro Grecolatino 2009

Como podedes ver no calendario, hoxe son as Matronalia. Eran as festas en honra de Xuno Lucina. As mulleres casadas acudían ao templo da deusa para suplicarlle pola prosperidade dos seus matrimonios ou, as que estaban preñadas, por un feliz parto. Asemade, as matronas recibían mostras de respecto e cariño por parte dos membros da súa familia, xa que se conmemoraba tamén neste día a intervención das Sabinas poñendo paz entre os esposos e os seus pais.
Neste día procedíase tamén á procesión dos ancilia, os escudos sagrados. Conta a lenda que Xúpiter enviara a Numa un escudo ao que estaba xunguido o destino de Roma. Para que non llo roubaran, Numa fixo que se construíran outros once iguais ao primeiro e creou o colexio sacerdotal dos Salios para que se encarcagan da súa custodia. Neste día, como dixemos ut supra, sácabanse en procesión pola cidade.



Dende hai uns anos, celébranse xornadas de teatro de corte clásico coa participación de numerosos alumnos de centros educativos, diante e detrás do pano que separa actores de espectadores.
Este ano coma outros asistiremos en Lucus Augusti o día 11 de marzo a dúas comedias, Miles gloriosus de Plauto e Nubes de Aristófanes.
É unha actividade fermosa que obriga a traballar duramente durante tempo, pero con un singular recoñecemento que é o aplauso. E por iso que nos gusta recordar aquí aquelas fermosas palabras dun cómico latino que lle recomendaremos aos nosos alumnos: Et vobis si fabulae placent, plaudite, quaesimus.





Lugo é ademais o lugar máis próximo á nosa vila onde quedan pegadas da presenza do pobo romano. Así aproveitaremos para dar unha volta polas murallas, impresionante obra defensiva erguida entre os anos 265 e 310 da nosa Era. Mide 2175 metros de lonxitude e o adarve ten unha anchura que varía entre os 4,15 e os 7 metros. A altura, tamén irregular, oscila entre os 8 e os 12 metros; percorrer a Cardo e a Decumanus e visitar a casa dos mosaicos. O balneario conserva restos do apodyterium e o caldarium dunhas termas


sobre as que se asenta, pero como hoxe en día está explotado por unha empresa privada, non atenden aos grupos que de moi boa gana visitaríamos as súas instalacións.


Por último chegaremos ata Santa Eulalia de Bóveda, que a dicir de Celestino Fernández de la Vega, non hai ninguén capaz de descifrar, a ciencia certa, o enigma arqueolóxico-histórico deste lugar. Só hai unanimidade no carácter estraño e ambiguo do monumento.
Está a 14 quilómetros de Lugo cidade, nunha aldea de arquitectura popular con abundantes vestixios arqueolóxicos. Está próxima á Via XIX de Lugo a Bracara, capital da Gallaecia septentrional. Trátase, sen dúbida, da testemuña material máis importante da relixión romana e do inicio do cristianismo en Galiza. Foi declarada monumento nacional en 1931 e hoxe é Ben de interese Cultural de Galiza.

Related Posts with Thumbnails