sábado, 6 de diciembre de 2008

Aquis Querquennis



Atraídos en gran medida polos recursos auríferos do Noroeste, a conquista romana desta parte da península marcou un antes e un despois no seu devir histórico, deixando unha fonda influenza que chegou ata a actualidade.
A lingua, o dereito e mesmo a configuración do territorio, entre outras cousas, quedaron impregnadas da pegada romana.
A Torre de Hércules é na actualidade unha referencia mundial por tratarse do único faro de orixe romana que permanece en activo. A Muralla de Lugo, unha liña defensiva construída cando os romanos comezaron a sentir a ameaza bárbara, é hoxe un emblema da cidade.
Aínda que todos os anos visitamos Lugo por ser o lugar, máis próximo á nosa localidade, onde hai pegadas da Romanización, Ourense é rica nestes restos, e debemos valorar a posibilidade de visitar esta provincia pola súa peculiaridade. As pegadas revélannos como os romanos chegaron ao Noroeste peninsular, de que maneira reorganizaron o territorio e trazaron toda unha rede de comunicacións, o xeito como explotaron, cunha tecnoloxía nunca vista ata o momento, os recursos minerais, os seus asentamentos militares, o legado cultural e artístico, entre outros aspectos.
A provincia de Ourense está salpicada, como dicimos, de restos arqueolóxicos de moi diversas épocas e modelada polas intervencións humanas ao longo dos séculos. Os castros son moi abondosos, case non hai población que non teña pegadas romanas, coma ocurre con Bande co seu asentamento de tipo militar chamado Aquis Querquennis, na rexión da Baixa Limia, no suroeste da provincia. Contan Plinio et alii que esta parte estaba habitada na antigüidade polo pobo prerromano dos Querquernni o que explicaría unha parte do seu nome. A outra parte deste termo latino dado ao asentamento militar é Aquis que fai referencia ao manantial de augas minero medicinais que brotan alí a unha temperatura que ronda os 48º C.
Os arqueólogos, despois de algo máis de trinta anos de investigacións interrumpidas, cóntannos que este achado está dividido en dúas partes, unha mansión viaria articulada entorno ao manantial das augas termais e un campamento militar nunha posición máis occidental, separados ambos por unha franxa duns douscentos metros. É o campamento militar o que está máis excavado, quedando os principia, cuartel xeral( órgano esencial da administración do campamento, espazos sagrados destinados ao culto e xustiza) totalmente ao descuberto. Tamén lográronse exhumar catro edificios, dous destinados a albergar as tropas, os horrea (celeiros) e o valetudinarium (hospital).
Todos estes restos arqueolóxicos merecen ser visitados e ofrécennos a posibilidade de continuar cara a Portugal por unha agrupación de miliarios que só se pode ver nesta aillada zona do Imperio. É unha importante porción da nosa riqueza patrimonial.


Agradezo ao periódico O SIL o monográfico adicado a Romanización en Ourense (Especial Nadal 2007) de onde tomamos información para elaborar este post.



Recoméndovos tamén este enlace onde J.M.Otero fai unha estupenda presentación sobre este lugar.

miércoles, 3 de diciembre de 2008

Neva

O luns día 1 a miña vila aparecía deste xeito



Quero aproveitar este momento máxico que produce sempre o feito de nevar, o silencio que acompaña, para poñervos aquí algún vocabulario relacionado coa natureza e as súas manifestacións.
Así
terra,-ae: é a terra, elemento da natureza, planeta, mundo, rexión
tellus, tellur-is: a terra, considerada como un corpo celeste, símbolo de forza productora de carácter divino.
Estas dúas palabras son femininas, productivas.
sol-um,-i:o solo, o terreo.
hum-us,-i: a terra arada, aínda húmida.
ager, agr-i: o campo, en xeral. Ager publicus: terreo aptos para o cultivo de carácter público.
camp-us,-i: o campo, pero como extensión para cultivar.
arv-um,-i: o campo, o terreo cultivado.
rus,rur-is: o campo, por oposición á cidade.
prat-um, -i: a apradella.
mon-s, mont-is: o monte
coll-is,-is: o outeiro, o cotarelo.
vall-is,-is: o val.
silv-a,-ae: a fraga.
luc-us, -i: a fraga sagrada. Un claro da fraga.
planiti-es,-ei: a chaira.
fruct-us, -us: o froito.
frug-es, -um: os froitos da terra, en xeral.
aqu-a, -ae: a auga
und-a, -ae: a onda.
fluct-us, -us: onda, a auga en movemento.
mar-e, -is: o mar.
pont-us, -i: a mar, é un termo usado case exclusivamente en poesía.
litus, litor-is: a costa, a praia.
or-a, -ae: a beira, a beiramar.
rip-a, -ae: ribeira, beira, terra próxima aos ríos.
sin-us, -us: golfo, enseada.
gurge-s, gurgit-is: remuiño.
flumen, flumin-is: río.
fluvi-us,-i: río.
amn-is,-is: río, termo poético.
riv-us,-i: regato, regueiro.
torren-s, torrent-is: torrente, corrente forte de auga de carácter accidental.
lac-us, -us: lago.
palu-s, palud-is: lagoa.
fon-s, font-is: fonte.
pluvi-a, -ae: choiva.
imber, imbr-is: a choiva, a borrasca, vento e choiva, especialmente no mar.
ros, ror-is: orballo, rosada.
nub-es,-is: nube
tonitr-u,-us: o trono
fulmen, fulmin-is: o lóstrego, alustro, relámpago, descarga eléctrica que se produce nunha treboada.
grando, grandin-is: a sarabia.
nix, niv-is: a neve.
gel-u,-us: o xeo.
frigus, frigor-is: o frío.
aest-us,-us: o ardor, a calor do sol.
calor, calor-is: a calor, en xeral.
procell-a, -ae: tempestade, vendaval, treboada.
vent-us, -us: o vento
aur-a,-ae: brisa, airexa.
aër, aër-is: o aire.
Outro día podemos poñer máis, incluso expresións que teñan na súa formación algúns destes elementos.
Podíades aportarme tamén palabras, en galego ou castelén, derivadas destas formas latinas. Que vos parece?

miércoles, 26 de noviembre de 2008

Unha interesante ferramenta educativa

O buscador de Internet Google presentou hai uns días, un novo programa que permitirá viaxar e descubrir a Roma Imperial grazas a unha nova capa incluída na aplicación Google Earth. Agora é posible pasear polas rúas empedradas do Foro Romano, visitar o circo Máximo ou o Coliseo en todo o seu esplendor. O proxecto Roma Renace foi desenvolvido polas universidades estadounidenses de Virginia e California, en colaboración coa Politécnica de Milán. En total, o paseo virtual pola capital do Imperio Romano, permite visualizar 6700 edificios, once deles tamén desde o interior como o Tabularium ou o Templo de Vesta, que están acompañados por textos explicativos.


Traducido de El País e grazas a Mesturas.



lunes, 24 de noviembre de 2008

O último día de Pompeia


O derradeiro día dunhas cidades arrasadas polo Vesubio:Herculano, Pompeia,... axúdanos a coñecer mellor a realidade do cotidiano dunha cidade "romana" do século I, tendo en conta que a explosión prodúcese o 24 de agosto do ano 79. E todo isto gracias aos científicos que levan, moitos deles, una morea de anos traballando. A BBC elaborou un documental a partir do film "El último día de Pompeya"que podemos ver en Youtube.





Limos hai uns días na prensa:
Un museo virtual revive as cidades de Pompeia e Herculano
Unha cámara de descompresión virtual transporta á antiga área napolitana antes da erupción.

Italia conta dende hai unhas semanas cun museo virtual que revive as cidades de Pompeia e Herculano, sepultadas polo Vesubio no ano 79. Segundo os seus creadores, é unha verdadeira cámara de descompresión temporal e virtual que transporta ao visitante á antiga área napolitana antes da histórica erupción. Todo o museo é xestionado por un único software que, a partir da identidade dos visitantes, recoñecidos a través dun identificador electrónico que recolle a súa idade, sexo e nacionalidade, controla as máis de 70 instalacións e o ambente xeral, de modo que estas se reconfiguran cambiando o idioma e ás veces o contido.

O Museo Arqueolóxico Virtual (MAV) é un museo único en Italia, situado a escasos douscentos metros das ruinas de Herculano, cidade romana sepultada pola erupción do Vesubio do ano 79, narrada por Plinio.

O MAV é pioneiro no mundo na intención de mergullar ao visitante nunha experiencia exclusivamente virtual -sin o apoio de pezas arqueolóxicas- para percorrer e revivir non só as cidades de Pompeia e Herculano, senón todos os asentamentos antiguos da Campania, na época do Imperio Romano, mediante infografía, multimedia e realidade virtual, con sistemas de visualización de última xeración, nunha experiencia “narrativa e interactivamente guiada”, de instalación en instalación, e no propio idioma do visitante. Aquí reside a súa orixinalidade.

Sen dubida este orixinal plantexamento débese a dous persoeiros decisivos que produciron o gran suceso para a cultura italiana e a museoloxía arqueolóxica europea. Trátase do director do MAV, Valter Ferrara, que impulsou durante tres anos este proxecto e de Gaetano Capasso, presidente de Capware, que ideou e proxectou o MAV, utilizando o virtual para xerar unha experiencia real de inmersión histórica, didáctica, divertida e sorprendente. Toda a tecnoloxía multimedia, en moitos casos debidamente ocultada ou integrada na escenografía, está orientada a axudar aos visitantes a iniciar unha viaxe no espazo e o tempo sin sair do propio museo.

domingo, 23 de noviembre de 2008

Curso de Chiron

Esta fin de semana estiven en Compostela participando dun curso de postgrado que se titula CHIRON 2.0: CLÁSICAS NA AULA.

Este curso foi aprobado no marco da Sección de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua da USC.

Supoño que con este título, xa nos vos teño que contar de que vai. Pois si, acertastes. Un pouco de todo, blogs,wikis... xa que a irrupción das TIC no ensino está revolucionando os procedementos de moitos profesores. Entre eles, nós os de clásicas (Latín, Grego, Cultura Clásica) que queremos aprender máis sobre novas ferramentas coas que elaborar, organizar e compartir recursos educativos.

Hai ano e medio xurdiu CHIRON, un proxecto de traballo colaborativo formado por profesores de clásicas de diferentes puntos do Estado, que representa un exemplo da chamada web 2.0. Basicamente está alumada polo espíritu de compartir.

Dado que a súa implantación foi rápida e demostrou a súa eficacia para animar, motivar e proporcionar ferramentas ao profesorado, decidiron desenvolver un curso dedicado nun primeiro momento ao coñecemento de CHIRON, non só para mostrar como pode un profesor valerse destes recursos senón tamén para ensinar como pode colaborar no proxecto aportando os recursos propios. Estamos a falar do Planeta de blogs Clásicos, da wiki de recursos, do marcador social, do calendario de eventos, da galería de imaxes, de vídeos e de presentacións, do blog de reseñas bibliográficas, do Foro, do Chat.
Este curso pretende tamén a integración das TIC nas aulas de clásicas. Así participaron varios dos seus creadores, que nos explicaron as características e a versatilidade de CHIRON, e como podemos aplicar esas ferramentas na nosa tarea docente diaria: os blogs, as wikis e o seu aproveitamento didáctico e as Aulas Virtuais: E-learning e Moodle.

Aproveito tamén para explicarvos quen é Χείρων-Chiron. Na mitoloxía grega é o máis prudente e afable dos centauros, fillo de Cronos e a oceánida Filira, famoso polo seu coñecemento das artes e polo maxisterio que exerceu sobre numerosos heroes, coma Hércules, Jasón, Peleo e Aquiles. Dín que moraba no Monte Pelión e que foi ferido de morte por unha frecha envelenada coa sangue da hidra de Lerna, que Hércules disparou involuntariamente. A ferida causoulle tales sufrimentos que renunciou á inmortalidade en favor de Prometeo. Zeus colocouno no Zodiaco, onde representa a constelación de Saxitario.

A imaxe que vedes a dereita é o logo desta asociación de profes. Nela podedes ver as características físicas deste persoeiro da mitoloxía.





Related Posts with Thumbnails