domingo, 1 de marzo de 2009

Festival de Teatro Grecolatino 2009

Como podedes ver no calendario, hoxe son as Matronalia. Eran as festas en honra de Xuno Lucina. As mulleres casadas acudían ao templo da deusa para suplicarlle pola prosperidade dos seus matrimonios ou, as que estaban preñadas, por un feliz parto. Asemade, as matronas recibían mostras de respecto e cariño por parte dos membros da súa familia, xa que se conmemoraba tamén neste día a intervención das Sabinas poñendo paz entre os esposos e os seus pais.
Neste día procedíase tamén á procesión dos ancilia, os escudos sagrados. Conta a lenda que Xúpiter enviara a Numa un escudo ao que estaba xunguido o destino de Roma. Para que non llo roubaran, Numa fixo que se construíran outros once iguais ao primeiro e creou o colexio sacerdotal dos Salios para que se encarcagan da súa custodia. Neste día, como dixemos ut supra, sácabanse en procesión pola cidade.



Dende hai uns anos, celébranse xornadas de teatro de corte clásico coa participación de numerosos alumnos de centros educativos, diante e detrás do pano que separa actores de espectadores.
Este ano coma outros asistiremos en Lucus Augusti o día 11 de marzo a dúas comedias, Miles gloriosus de Plauto e Nubes de Aristófanes.
É unha actividade fermosa que obriga a traballar duramente durante tempo, pero con un singular recoñecemento que é o aplauso. E por iso que nos gusta recordar aquí aquelas fermosas palabras dun cómico latino que lle recomendaremos aos nosos alumnos: Et vobis si fabulae placent, plaudite, quaesimus.





Lugo é ademais o lugar máis próximo á nosa vila onde quedan pegadas da presenza do pobo romano. Así aproveitaremos para dar unha volta polas murallas, impresionante obra defensiva erguida entre os anos 265 e 310 da nosa Era. Mide 2175 metros de lonxitude e o adarve ten unha anchura que varía entre os 4,15 e os 7 metros. A altura, tamén irregular, oscila entre os 8 e os 12 metros; percorrer a Cardo e a Decumanus e visitar a casa dos mosaicos. O balneario conserva restos do apodyterium e o caldarium dunhas termas


sobre as que se asenta, pero como hoxe en día está explotado por unha empresa privada, non atenden aos grupos que de moi boa gana visitaríamos as súas instalacións.


Por último chegaremos ata Santa Eulalia de Bóveda, que a dicir de Celestino Fernández de la Vega, non hai ninguén capaz de descifrar, a ciencia certa, o enigma arqueolóxico-histórico deste lugar. Só hai unanimidade no carácter estraño e ambiguo do monumento.
Está a 14 quilómetros de Lugo cidade, nunha aldea de arquitectura popular con abundantes vestixios arqueolóxicos. Está próxima á Via XIX de Lugo a Bracara, capital da Gallaecia septentrional. Trátase, sen dúbida, da testemuña material máis importante da relixión romana e do inicio do cristianismo en Galiza. Foi declarada monumento nacional en 1931 e hoxe é Ben de interese Cultural de Galiza.

No hay comentarios:

Related Posts with Thumbnails