martes, 27 de enero de 2009

Verba quae supersunt



O tempo sigue sen mellorar. Tormenta perfecta. Sen luz. Sen auga. Sen electricidade...a tristura invádenos e nada como ler algo de poesía, con certos matices de ironía e sarcasmo, neste momento para conforto da que escribe. Pero din que compartir permite disfrutar dobremente do que a un lle gusta.
Nun rincón dun andel atopei este libro que mercara na Culturgal este outono e que estaba a esperar por min e polo momento adecuado. Parece que este momento chegou e así é que descubrín uns versos de Raúl Gómez Pato, profe de latín e grego, que vos recomendo.
O autor recórdanos unhas palabras de Manuel Antonio que din así: " se é verdade que o poeta pode finxir a súa dor ata o punto de confundir na súa retórica a dor sentida coa imaxinada, que non tentará para finxir que é verdadeiramente súa a obra que escribe, cando en realidade non resulta máis que un compendio, enciclopedia, pouco a pouco e intencionadamente transformada, do que foi zugando, como unha samesuga, no corpo dos signos! Non existen os poetas; como moito, e permítaseme a dúbida, existe a poesía".
Reproduzo para vos algúns deses versos que di lle deben moito aos clásicos.

Pseudocatón (fin. do s. IIId.C.)
Multa legas facito
Deberás ler moito
do que inventa o poeta
(e esquecelo todo).

Persio (34 d.C.-62)
Pluvia, ventus, nevisque
Escapada a vida polas rúas
fuxindo van as follas, revoando
entre os húmidos recantos das núas
roupas de outono, que xa están mollando
a choiva, o vento, e as neves crúas.
Marcha como lenemente pisando
se achega o día próximo, coas súas ínfulas
aos cansazos entregando...
E comigo a noite, os seus corceis,
a horrible pureza da súa nada,
coas infinitas horas en bordeis
comerciando a súa luz apagada .
Mais semella doce, nestes papeis,
naufragar pola mar da miña rada.


O que vedes na dereita desta entrada e unha especie de agasallo de Positivas, lista de autores que inspiran os poemas de Gómez Pato e útil como marcapáxinas.

1 comentario:

Carmen Fernández dijo...

Sí que tiene mucho tiempo de trabajo invertido este blog.
Te felicito, el fruto es atrayente.

Related Posts with Thumbnails